Friday 26 de April de 2024

A Xunta concede case 273.000 euros a sete concellos coruñeses para a adquisición de puntos limpos móbiles


— O DOG publica hoxe a resolución da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, que beneficia a Vilarmaior, Santiso, Dodro, Toques, Paderne, Frades e Mesía

— Estes dispositivos sumaranse á rede de puntos limpos fixos, que garante que máis de 2,2 millóns de galegos conten cunha instalación deste tipo a menos de 10 minutos

A Xunta de Galicia concedeu este ano seis axudas por un importe de preto de 273.000 euros para a adquisición de puntos limpos móbiles por parte dos concellos coruñeses de Vilarmaior, Santiso, Dodro, Toques, Paderne e da agrupación municipal conformada por Frades e Mesía.

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución coas 23 subvencións outorgadas ao abeiro da convocatoria realizada este ano pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, que no conxunto da Comunidade beneficiarán a un total de 31 municipios de menos de 3.000 habitantes e coas que poden cubrir o 100% do custo da compra deste vehículo, ata un máximo de 70.000 euros para unha solicitude individual, mentres que para unha agrupación de varios concellos pode chegar aos 100.000 euros.

Con esta liña de axudas mellórase e amplíase a xestión de residuos especiais de competencia municipal, co fin de favorecer a súa axeitada recollida, clasificación e preparación para a reutilización. De xeito paralelo, tamén se evita a proliferación de puntos de vertido incontrolado nas contornas e espazos naturais.

Os concellos teñen a posibilidade de escoller entre catro modelos de vehículos subvencionables: un contedor/caixa metálica de gran volume —modelo que poderá ser elixido só se a entidade local dispón de camión adaptado con equipo de gancho para a súa carga e traslado—; un remolque e contedor metálico de gran volume —sempre e cando o concello dispoña dun camión adaptado para a súa carga e traslado—; un camión con caixa e chasis; ou unha furgoneta adaptada con diferentes contedores ou compartimentos.

Así mesmo, con este tipo de incentivos avánzase un paso máis no cumprimento do Plan de xestión de residuos urbanos de Galicia 2020-2022, que outorga prioridade aos concellos de menos de 3.000 habitantes por ser o punto limpo móbil a opción que mellor se adapta ás súas características.

Os 23 novos puntos limpos móbiles engadiranse aos 35 adquiridos ao abeiro das dúas convocatorias anteriores por un importe de 1,5 M€, que beneficiaron a máis dun cento de concellos.

Cómpre salientar que na actualidade máis de 2,2 millóns de galegos contan cun punto limpo fixo a menos de 10 minutos do seu domicilio, polo que os móbiles aos que se dirixen especificamente estas subvencións veñen a completar a rede autonómica, co fin de que toda a cidadanía poida dispoñer do servizo.

AXUDAS CONCEDIDAS NA PROVINCIA DA CORUÑA NA CONVOCATORIA DE 2021

BENEFICIARIOS IMPORTE
Vilarmaior 40.736,84 €
Santiso 68.500,00 €
Dodro 15.345,50 €
Agrupación de concellos de Frades e Mesía 69.127,30 €
Toques 52.453,50 €
Paderne 26.726,44 €
TOTAL 272.889,58 €